Sunday 28 de April de 2024

A Xunta organiza en Bergondo unha acción de Formación Profesional e adquisición de competencias en técnicas estivais de enxerto


O curso terá lugar do 29 de agosto ao 2 de setembro e levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias na realización de enxertos agrarias en época estival. O obradoiro darase ao longo de 5 días no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello de Bergondo, entre os días 29 de agosto e 2 de setembro en horario de mañá dende as 9:30 ás 13:30 horas.

O programa do obradoiro ten dos bloques: un teórico, que se desenvolverá no primeiro día do curso; e outro práctico, que abrangue as outras catro xornadas. Na parte teórica, empezarase dende o máis básico, explicando que é un enxerto e as razóns polas que se recorre a esta técnica, ata chegar ás diferentes épocas de realización, materiais e tipos de enxertos. Tras isto darase paso ao bloque práctico no que, tras as demostracións pertinentes do profesorado, os alumnos farán prácticas dos distintos tipos de enxerto adecuados á época de realización da acción formativa; máis en concreto, prepararanse os elementos a enxertar e tras isto colocaranse e ataranse sobre o patrón.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende formar aos profesionais titulares de explotacións e a aquelas persoas que teñan intención de integrarse de xeito profesional no mundo da agricultura nas técnicas dos distintos enxertos que se realizan. Isto contempla tanto o cultivo de froitos coma o de plantas ornamentais, leñosas e semileñosas.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal.